LECCIÓNS BÁSICAS DA GAITA
TODO O TEMARIO QUE FIGURA NESTA PÁXINA FOI EXTRAIDO DO LIBRO "OS SEGREDOS DA GAITA", DE XOSÉ LOIS FOXO - DIRECTOR DA ESCOLA DE GAITAS DA EXCMA. DEPUTACIÓN DE OURENSE.

11.- SEPARACIÓN OU REPETICIÓN DAS NOTAS IGUAIS NA GAITA.

Existen dous xeitos na gaita de separar as notas do mesmo tono:

a) Picado.- (graccenote) Consiste en efectuar un golpe seco e rápido con un ou varios dedos á vez, normalmente superiores á nota que estamos a repetir.

b) Batemento ou acento.- (strike) Consiste en bater con un ou varios dedos simultaneamente sobor dos buratos abertos do punteiro.

Representación gráfica de picados e batementos Serán representados na escritura por medio de notas de menor tamaño cás principais, normalmente en fúsas coas plicas para baixo. Estas pequenas notas non teñen valor asignado, xa que somentes representan o movemento dos dedos; roubando o seu valor á nota precedente, non á que lle segue.

Excepcionalmente existen contextos, nos que é mester escribir a nota resultante do movemento dos dedos, tal é o caso do batemento do Re da segunda octava que representaremos con un Re da primeira octava, resultando de bater co indicador da man esquerda.

As alteracións somentes afectarán ás notas principais, por iso deberán situarse sempre diante da nota principal, non antes dos picados ou ornamentos.

Os picados e batementos poden empregarse ben para separar notas iguais ou para enfatizar notas de distinto tono acadando no caso dos picados o carácter estaccato.

Cando teñamos que efectuar varios picados consecutivos, especialmente en notas rápidas, deberá facerse alternando con distintos dedos, isto leva consigo a consecución de picados nítidos e sons limpos de esaxerados harmónicos derivados da repetición consecutiva do mesmo dedo, isto esixirá ao inicio do aprendizaxe gran concentración, sendo de gran transcendencia adquirir os hábitos dos exercicios pensados ao respeto.

Para a interpretación dos picados ou batementos deberán moverse unicamente o dedo ou dedos que se representa. Tódalas notas, tanto alteradas como da segunda octava, poden ser separadas por medio de batementos, agás o Do sostenido da primeira octava, que somentes o poderemos repetir para a combinación de picados. Tódalas notas poden ser repetidas polo sistema de picados.

Combinación de picado-batemento
A combinación do picado batemento constitúe un dos recursos máis tradicionais para a separacción de notas da mesma altura na gaita galega. Dende o punto de vista do matiz de cada recurso, parece aconsellable facer coincidir a parte forte do tempo co picado.

Entendemos que non se debe establecer unha norma fixa para as separacións das notas do mesmo tono na gaita galega, xa que o dedo ou dedos empregados para cada contexto pode variar segundo a tonalidade do punteiro, a construcción do mesmo, apertura da palleta, etc.

En tonalidades moi agudas deberán empregarse os batementos con prioridade.

Aínda que existen múltiples xeitos para separar notas iguais na gaita, segundo mestres ou escolas, loxicamente respetables e portadores dun estilo; entendemos que actualmente a gaita galega está a estudiarse seriamente, de xeito que os picados descuidados -normalmente excesivamente lentos e repetidamente co mesmo dedo, aínda que as notas sexan rápidas non favorecen nin á pureza de sonido nin á rapidez interpretativa. Por iso a nosa teima da necesidade de habituarse á unha correcta combinación de picados con batementos e de picados entre si.


Voltar ó Índice