LECCIÓNS BÁSICAS DA GAITA
TODO O TEMARIO QUE FIGURA NESTA PÁXINA FOI EXTRAIDO DO LIBRO "OS SEGREDOS DA GAITA", DE XOSÉ LOIS FOXO - DIRECTOR DA ESCOLA DE GAITAS DA EXCMA. DEPUTACIÓN DE OURENSE.

10.- AFINACIÓN II. ABRIR E PECHAR O RONCO. AFINACIÓN EN GRUPO

Naturalmente, non é doado para iniciantes conseguir unha precisa afinación entre ronco, ronqueta e punteiro. Polo que, a fin de facilitar esta laboura debemos proceder do seguinte xeito:

Faremos soar o ronco ou ronqueta por separado, conxuntamente co punteiro en posición de La; escoitando ambos sonidos deslizaremos, moi devagariño o dedo corazón da mán esquerda para arriba, de xeito que vaiamos abrindo lenta e progresivamente o burato superior, indicándonos, en caso de acadar a conxunción (afinación) que o ronco está máis alto có punteiro, polo tanto, temos que abrir (separar) as pezas do ronco. Se con iste proceder non acadamos a conxunción de sonidos, debemos realizar a operación contraria, é dicir, pecharemos, deslizando sobre o punteiro, o burato inferior correspondente ao anular da man esquerda. En caso de acadar desta queda a aproximación de sonidos, entenderemos que o ronco está baixo en relación ao punteiro, polo que procederemos a xuntar proporcionalmente a segunda e maila copa ata conseguir o punto desexado. A mesma operación deberá ser empregada para buscar a afinación en posición de RE.

Se realizando as sobreditas operacións non logramos o punto de afinación, podemos pensar que o pallón é inadecuado, ou a tonalidade do punteiro non se corresponde á do ronco.

Debemos coidar, tamén, que as pezas do ronco non queden excesivamente separadas entre si, ou perdan aire por entremedias, en tal caso o ronco tenderá a octavear.

Ningunha norma mellor poderíamos dar que a teimuda inquietude do gaiteiro pola experimentación e o estudio das características da gaita.

Afinación do punteiro

Como xa queda dito, de nada servirá intentar afinar o ronco se as notas no punteiro non saen perfectamente entonadas. Non existe mellor medida para saber a proporcionalidade das notas do punteiro cá súa afinación co ronco. Se o punteiro afina co ronco en Re, necesariamente deberá afinar nas demáis notas en que se comprobará a afinación da gaita, do contrario estaranos indicando a deficiente entonación das notas do mesmo.

As notas poden emitirse no punteiro desentonadas por varios motivos:
a) Defectuosa construcción.
b) Excesiva apertura das láminas da palleta.
c) Palleta moi saída do espigo do punteiro.
d) Palleta rachada, podrida ou enchoupada en auga.
e) Tempero irregular. Debemos abondar en que a presión do aire na palleta debe ser máis ben forte.
f) Láminas da palleta excesivamente pulidas.


Afinación das gaitas en grupo
A primeira norma que debemos establecer para unha boa afinación nun grupo de gaitas é o regular tempero do fol; escoitando en todo intre o son conxunto das gaitas. No caso de que a gaita este a baixa en relación ás restantes, deberá aumentarse a presión do fol, e afloxala no caso contrario.


Voltar ó Índice