LECCIÓNS BÁSICAS DA GAITA
TODO O TEMARIO QUE FIGURA NESTA PÁXINA FOI EXTRAIDO DO LIBRO "OS SEGREDOS DA GAITA", DE XOSÉ LOIS FOXO - DIRECTOR DA ESCOLA DE GAITAS DA EXCMA. DEPUTACIÓN DE OURENSE.

9.- AFINACIÓN I. BORDÓNS E PUNTEIROS.

Afinación da gaita
Certamente atopámonos diante dunha das tarefas máis importante no manexo do instrumento, sendo un dos logros máis meritorios que todo gaiteiro que se precie ten que conseguir. Lamentablemente para afinar a gaita non existen normas que determinen un proceso para a súa consecución. A única norma será a educación do oído. Nas nosas clases sempre insistimos na importancia que ten a afinación da gaita, podendo afirmar que se a afinación da gaita non é precisa, todo o discurso do gaiteiro quedará totalmente desmerecido.

Actualmente dispomos de afinadores que son de gran axuda para conseguir a afinación da gaita, especialmente dos bordóns do instrumento: Ronco, Ronqueta e Chión, nembargantes non eximen ao gaiteiro da educación do oído. O gaiteiro deberá manter unha constante atención ao son do instrumento, especialmente centrado na afinación do instrumento entre si ou en relación ás demáis gaitas. O tempero será o punto de mira para acadar unha precisa afinación.

Afinación dos bordóns
Entendemos por bordóns os tres baixos característicos da gaita galega.- Ronco, ronqueta e chión. Os tres bordóns emitirán un son constante. O Ronco ou bordón baixo emitirá o seu son dúas octavas máis baixas en relación á tónica do punteiro (posición Re na súa primeira octava). A Ronqueta ou bordón tenor emitirá o seu son unha octava máis baixa cá tónica do punteiro. O chión ou bordón alto emitirá o seu son á altura da posición tónica do punteiro.

Debemos dicir que tanto o bordón tenor como o bordón alto non forman parte da gaita común galega ou tradicional na súa forma pura, polo que o seu uso non estaba permitido nos concursos de gaitas de final do século XIX de xeito que a altura do seu son non estivo claramente determinado. Tanto a ronqueta como o chión, en principio, foron empregados para emitir unha quinta sobre a tónica do punteiro; empregándose no caso do chión a palleta. Esta eiba no seu emprego leva consigo, en moitos casos, a falta de empaste entre eles co ronco. Pola nosa parte, somos da opinión, baseándonos nas leis de física acústica e loxicamente nos resultados sonoros, de construír os tres bordóns proporcionados dimensionalmente coa altura de son que deben emitir Cando se empreguen os tres bordóns conxuntamente é aconsellable que a palleta do punteiro tenda a estar forte, do contrario, unha presión débil sobre o fol implicará unha oscilación maior dos mesmos. Unha afinación constante tamén é facilitada polo emprego de pallóns de lámina metálica, menos tendentes ás oscilacións.

Como acadar a afinación dos bordóns da gaita co punteiro
En principio, debemos partir de que as notas do punteiro sexan emitidas na súa altura correcta e proporcionada entre si. A afinación do punteiro galego non coincide ao cen por cen coa escala temperada, senón que está pensada para o seu reposo cos bordóns do instrumento.

Especialmente o terceiro grado maior da escala do punteiro (Fa sostenido) quedará levemente baixo en relación á escala temperada, todo iso, como abondamos, para conseguir que a afinación entre si do instrumento sexa máis perfecta. A afinación dos bordóns da gaita deberá comprobarse especialmente nos grados de maior consonancia, especialmente, nas posicións Re de ambas octavas, La, e Fa sostenido. O oído educado tamén buscará a proporción das demáis notas co punteiro que, aínda que non exista consonancia, son determinantes para conseguir unha afinación proporcionada na gaita.

Se xuntamos as partes dos bordóns ou introducimos máis os pallóns nos espigos subiremos a altura do son; realizando a operación contraria baixaremos o mesmo. Como conclusión a este importantísimo apartado sobre a afinación da gaita, debemos dicir que unha gaita galega perfectamente afinada, cos tres bordóns en cabal harmonía, oficiada por un mestre gaiteiro, é un dos instrumentos máis evocadores da civilización.


Voltar ó Índice